A Cátedra UNESCO Educación Transformadora, Ciencia, Comunicación e Sociedade da Universidade de Vigo auspicia as xornadas Xustiza Terapéutica: algunhas achegas ás xornadas preparatorias cara ao XXXIII Congreso Nacional de Dereito Procesual, que se celebrarán os días 4 e 11 de setembro de 2026, en modalidade virtual.

Baixo o eixo «O impacto das normas, dos procedementos e do rol dos operadores no benestar das persoas», a actividade propón un espazo de análise e reflexión sobre a aplicación dos principios da Xustiza Terapéutica ao ámbito xurídico e procesual, prestando especial atención ás consecuencias que as normas, os procedementos e a actuación dos diferentes profesionais do sistema de xustiza poden ter sobre o benestar das persoas.

As xornadas están organizadas polo Proxecto Confluencia de saberes e humanización do sistema legal, da Secretaría de Extensión Universitaria da Facultade de Ciencias Xurídicas e Sociais da Universidade Nacional de La Plata (Arxentina), e coordinadas por María Silvia Oyhamburu, Francisca Fariña Rivera e Mercedes Novo Pérez.

A iniciativa conta, ademais, coa coorganización do Grupo PSI, Psicoloxía Xurídica, Saúde e Benestar, da Universidade de Vigo, do Grupo GI-1754, Psicoloxía Xurídica e Forense, da Universidade de Santiago de Compostela, e da Asociación Arxentina de Dereito Procesual.

A actividade está dirixida a profesionais de diferentes disciplinas relacionadas co Dereito, operadores do sistema de xustiza e integrantes dos poderes do Estado, favorecendo unha aproximación interdisciplinaria á humanización dos sistemas xurídicos e ao papel que pode desempeñar a Xustiza Terapéutica na mellora das prácticas profesionais e institucionais.

Información práctica

Datas: 4 e 11 de setembro de 2026
Horario: de 14:30 a 16:30 h
Modalidade: virtual, a través de Zoom
Inscrición: extension.jursoc@gmail.com, indicando nome e apelidos completos
Prazo de inscrición: ata o 4 de setembro de 2026
Certificado: a expedición do certificado ten un custo de 15.000 pesos. As persoas interesadas poderán solicitar os datos para realizar a transferencia bancaria no momento da inscrición.

Con esta colaboración, a Cátedra UNESCO continúa apoiando iniciativas académicas orientadas á educación transformadora, á interdisciplinariedade e á humanización das institucións, promovendo espazos de encontro entre o coñecemento científico, o ámbito xurídico e as necesidades das persoas.