Un documental para debater sobre o descoñecemento dos campos de concentración franquistas

En Galicia existiron once campos de concentración creados pola ditadura franquista, aos que se lle deu o nome das “once portas do inferno”. Esta é unha das ideas recollidas no documental Dores, un filme nacido co obxectivo non só de afondar na represión que sucedeu ao golpe de Estado de 1936, senón tamén para cuestionar “por que non sabemos que estes campos existiron”, como salienta a súa directora, Coral Piñeiro. Promover un debate sobre esta cuestión un dos obxectivos centrais do cinefórum que este luns acolleu a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, promovido pola Comisión PEA Unesco deste centro e pola Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade, xunto coa Concellería de Memoria Histórica, no marco das actividades do programa Memoria de Elefanta

Nunha actividade impulsada con motivo da conmemoración, o pasado sábado 10, do Día dos Dereitos Humanos, o alumnado puido coñecer un documental nacido en 2020 como traballo de fin de grao dun grupo de alumnas de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e que ten acadado diferentes recoñecementos e seleccións en festivais, como o premio do público do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) en 2021. A través das entrevistas a unha persoa que traballou como guía na illa de San Simón, que a ditadura converteu nunha colonia penitenciaria, ao fillo dun preso republicano, a sobriña dun represor franquista e ao familiar dun “paseado” pola ditadura, este filme busca falar “da represión e do silencio, intentando achegar o punto de vítima das vítimas e dos vitimarios”, explicou Piñeiro.

Ler a noticia completa no DUVI