Alumnado de Traballo Social desenvolve seis proxectos no eido da intervención, o xénero e a violencia

Ao longo deste segundo cuadrimestre, unha trintena de alumnas e alumnos da materia Xénero, Violencia e Intervención Social, de cuarto curso do Grao de Traballo Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, traballaron arredor do desenvolvemento de produtos innovadores destinados a cubrir unha necesidade detectada na súa comunidade. Este xoves presentaron ante a comunidade universitaria e axentes dos eidos que abranguen as súas propostas os resultados acadados, que van desde unha guía de parentalidade positiva ata un podcast sobre a reinserción de agresores.

A presentación fíxose coa celebración da xornada Expo_Proxecto. Do estudo da violencia de xénero con xustiza terapéutica ao desenvolvemento de produtos para a comunidade. A iniciativa, de aprendizaxe servizo, enmarcouse, tal e como explicou a profesora responsable, María José Vázquez Figueiredo, no marco da nova Cátedra Unesco da Universidade de Vigo. “Un dos obxectivos desta cátedra é traballar a favor da paz e da dignidade das persoas e este proxecto tamén tivo ese cometido”, comentou. Na materia, detallou a profesora, e nos seus proxectos, as e os alumnos traballaron aspectos como o benestar nas mulleres, a parentalidade positiva desde a perspectiva de xénero, a reinserción e resocialización de agresores de parella, o sexting e a violencia de xénero na terceira idade. As e os estudantes, tal e como se puido ver na exposición dos seus traballos e como explicou Vázquez Figueiredo, fixeron unha fundamentación teórica baseada en evidencias científicas, estudaron o “construtor ou descritor” de interese, sopesaron que necesidades había arredor del na comunidade e elaboraron un produto que se podía axustar ás necesidades da comunidade. Unha vez elaboradas as súas propostas, avaliáronas e testáronas en poboación de interese en cada caso.

Ler a noticia completa no DUVI